Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • A Universidade de Vigo acepta unha recomendación do Valedor e cambia a denominación do seu título de moda

A Universidade de Vigo acepta unha recomendación do Valedor e cambia a denominación do seu título de moda

6 de Abril do 2011

Voltar

sede do valedor

Tras unha recomendación do Valedor, a autoridade académica accedeu a modificar a denominación desta formación propia para evitar que inducise a confusión con titulacións de carácter oficial.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2011. O Valedor do Pobo recomendou o pasado 15 de marzo á Universidade de Vigo a eliminar a denominación de "grao universitario" dos certificados, da publicidade e toda a información relacionada cos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda que imparte, e que estaba inducindo a confusión ao non tratarse de graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, senón de títulos propios.

Nunha resposta remitida o pasado 4 de abril á institución, a universidade acepta a resolución do Valedor y anuncia que en sesión ordinaria o consello de goberno decidiu cambiar o nome de "Graduado universitario en deseño téxtil e moda" pola denominación "Titulado superior en deseño téxtil e moda".

Efecto chamada

O Valedor decidira abrir a investigación a instancia dun dos alumnos que realizou os seus estudos formalizando a primeira matrícula no curso 2004-2005, entendendo que se trataba dun graduado universitario adaptado a Bolonia. A difusión da iniciativa do Valedor do Pobo provocou un efecto chamada e outros alumnos presentaron reclamacións no mesmo sentido.

O defensor, tras pedir informes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á Universidade de Vigo, dirixiu a súa recomendación a esta última para que eliminase dos seus títulos propios calquera mención que inducise a confusión con estudos de carácter oficial recoñecido, aclarando na publicidade difundida na súa páxina web, nos certificados académicos persoais e noutros documentos o alcance real dos títulos propios destas titulacións.