Actualidade
O Valedor traslada á Xefatura Superior da Policía Nacional de Galicia o seu "fondo pesar" pola desaparición dos tres axentes
30 de Xaneiro do 2012
Benigno López González remite un escrito ao comisario xefe Luis García Mañá no que destaca a "extraordinaria tarefa" que desempeña o corpo policial.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2012. O Valedor do Pobo, Benigno López González, dirixe unha carta ao Xefe da Policía Nacional en Galicia, Luis García Mañá, para testemuñarlle o seu fondo pesar e o do persoal da institución ante a desaparición de tres axentes ao seu servizo " nun acto de heroicidade digno de mención" en augas da coruñesa praia do Orzán.
Na misiva remitida á Xefatura con data de hoxe, o defensor galego enxalza así mesmo a "extraordinaria tarefa que desenvolve o corpo policial que antepón a súa admirable vocación de servizo ante as situacións de dificultade".
O Valedor ratifica deste modo o pésame que en días pasados fixo chegar ao Xefe da Policía de xeito telefónico e bríndalle a súa colaboración no que precise. Aproveita así mesmo a ocasión para apoiar o inxente traballo que o corpo policial está a desenvolver nas tarefas de rescate que levan a cabo, a pesar das dificultades.
Benigno López González fai extensivo o seu pésame a familiares e achegados tanto dos axentes coma do mozo eslovaco desaparecido.


