Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • Recomendación do Valedor para que se estreme a vixilancia do uso de armas por menores na práctica de artes marciais

Recomendación do Valedor para que se estreme a vixilancia do uso de armas por menores na práctica de artes marciais

17 de Xullo do 2012

Voltar

sede do valedor

O defensor galego constatou situacións problemáticas no marco da investigación de oficio aberta. Agora insta á Secretaría Xeral para o Deporte e ás federacións deportivas afectadas a inspeccionar, denunciar ou sancionar as actividades ilícitas polo interese último dos rapaces.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2012.  O Valedor do Pobo dirixe hoxe unha recomendación á Secretaría Xeral para o deporte e ás federacións galegas de taekwondo, kung fu, karate e judo co fin de que “estremen a vixilancia” ante a práctica con armas ilegais de artes marciais por parte de menores. Tras desenvolver unha investigación detallada ao respecto, o alto comisionado parlamentario constatou, incluso con material fotográfico, a existencia de “situacións problemáticas”.  

Para coñecer os detalles do problema o Valedor do Pobo dirixiuse tanto á Secretaría Xeral para o Deporte como ás federacións galegas de taekwondo, judo, kung fu e karate. Dos seus informes destaca a “actitude colaboradora e a especial sensibilidade” amosada por todos eles ao respecto destes problemas así como a vontade de evitar que se produzan situacións irregulares.

José Julio Fernández Rodríguez, Valedor en funcións, asina o escrito no que lembra aos responsables deportivos que a normativa é clara neste sentido xa que o artigo 4 do regulamento de armas vixente prohíbe a fabricación, importación, circulación, publicidade, compravenda, tenencia e uso das seguintes armas ou das súas imitacións, en concreto de “las defensas de alambre o plomo; los rompecabezas; las llaves de pugilato, con o sin púas; los tiragomas y cerbatanas perfeccionados; los munchacos y xiriquetes, así como cualesquiera otros instrumentos especialmente peligrosos para la integridad física de las personas”.

Investigado pola Garda Civil
A repercusión da actuación de oficio do Valedor do Pobo espertou interese de altos cargos da Garda Civil que se preocuparon polo problema e mantiveron unha entrevista co titular da institución para ofrecer a súa colaboración e aplicar con contundencia o regulamento de uso e tenencia de armas. Froito da mesma se iniciaron actuacións de inspección e supervisión en toda Galicia.

“Como resultado da nosa rigorosa investigación, na que implicamos a grande parte dos axentes con capacidade de decisión e mesmo potestade sancionadora en caso de que a práctica deportiva afecte gravemente á saúde e seguridade de persoas, constatamos que se están a producir situacións  problemáticas”, explica José Julio Fernández no seu escrito, no que salienta ademáis o enorme espírito colaborador espertado tanto no ámbito deportivo como nos corpos de seguridade para denunciar as irregularidades que se poidan rexistrar.

Texto da recomendación
Tras establecer comunicacións e contactos persoais e, tras revisar o material recabado, o Valedor do Pobo traslada hoxe a súa recomendación aos implicados, na que solicita que tanto esa Secretaría Xeral para o Deporte como as federacións galegas de tekwondo, judo, karate e kung fu estremen a vixilancia sobre este tipo de prácticas irregulares, sobre todo cando poidan estar a afectar a menores de idade,  e activen os mecanismos de inspección, denuncia ou sanción que estean na súa man para evitalas.

A secretaría e as catro federacións dispoñen agora dun prazo dun mes para dar conta ao Valedor da aceptación ou non da súa recomendación e, no seu caso,  das medidas que adoptarán para darlle efectividade.