Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • O Valedor constata a correcta implementación de mecanismos de seguridade nos ordenadores de Abalar

O Valedor constata a correcta implementación de mecanismos de seguridade nos ordenadores de Abalar

30 de Xullo do 2012

Voltar

sede do valedor

As presuntas disfuncións detectadas corresponden a situacións que afectan a unha materia ou aula, non ao sistema en xeral. O Valedor insta nunha suxestión á administración educativa a manter e, se é o caso, intensificar os controis de seguridade para protexer aos menores.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2012.  No marco da investigación de oficio aberta para coñecer os mecanismos de seguridade existentes nas aulas informáticas do programa Abalar, o Valedor do Pobo vén de constatar que o seu uso en condicións de seguridade resulta axeitado e que os equipos se atopan nun entorno actualizado e preparado para combater os riscos aos que se poidan enfrontar os  menores. Con data de hoxe dirixe unha suxestión á autoridade educativa para que manteña o labor de inspección e control dos mesmos e, no caso de ser preciso, o intensifique.

O Valedor do Pobo mantiña aberta unha queixa de oficio para investigar presuntas disfuncións na posta en marcha e seguimento por parte do profesorado dos ordenadores das aulas Abalar. Co gallo doutros feitos denunciados, pais e nais de alumnos manifestáranlle a súa desconformidade co funcionamento dos controis de seguridade. Tras a investigación efectuada, a defensoría constatou   que “a implementación do proxecto Abalar fíxose de xeito adecuado”. Os equipos informáticos dos escolares forman parte da Rede Corporativa da Xunta de Galicia “nun entorno de seguridade axeitado que se monitoriza e actualiza de forma permanente” que conta con catro niveis de control para combater ameazas como as que atentan contra á confidencialidade ou funcionamento das aplicacións, entre outras moitas.

Os problemas que puntualmente poidan aparecer responden máis ben a situacións específicas dunha materia ou dunha aula, non ao sistema no seu conxunto. Así o deixa ver hoxe no escrito dirixido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez. De feito avanza que no caso de detectarse comportamentos alonxados destes criterios de seguridade deberán tratarse a través de queixas e investigacións particularizadas.

Esta corrección non é óbice para que o alto comisionado parlamentario dirixa unha suxestión á administración educativa que recolle literlalmente: “A administración educativa debe manter e, se é o caso, intensificar, o labor de inspección e control no desenvolvemento e aplicación do programa Abalar en condicións de axeitada seguridade, para garantir en todo momento o interese superior dos menores”.

Educar en seguridade
A institución defende que a educación nun uso correcto das novas tecnoloxías debe producirse en diversos medios e entornos, entre os que se atopan tanto a familia como o colexio. Os centros educativos teñen que asumir responsabilidades formativas na materia, sobre todo cando proporcionan aos alumnos o acceso a esas ferramentas. O Valedor do Pobo subliña os avances rexistrados ao respecto con programas da Xunta tales como o Plan Navega con Rumbo dirixido ás familias e á comunidade docente ou as charlas impartidas en centros educativos, por representantes da Dirección Xeral da Policía.

Sexa como for, o Valedor do Pobo considera imprescindible continuar con estes esforzos para neutralizar os riscos presentes para os menores no uso das novas tecnoloxías. “Son ameazas relevantes que adquiren un sentido específico cando afectan a nenos e nenas”, matiza.