Valedor do pobo
Currículo José Cora
Don José Cora Rodríguez naceu o 1 de marzo de 1922 no Barqueiro (A Coruña). Ingresou na carreira xudicial no ano 1951 e o seu primeiro destino foi no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de San Vicente de la Barquera, en Cantabria. Trasladouse un tempo despois para exercer a súa función xurisdicional nos xulgados de Corcubión (A Coruña), Quiroga e Sarria (Lugo).
Ascendeu a maxistrado no ano 1961 con destino na Audiencia Provincial de Badaxoz. De volta a Galicia pasou a ser titular coa categoría de maxistrado xuíz dun xulgado de Ourense.
No ano 1963 foi designado xuíz instrutor con xurisdición en toda España no denominado “caso metílico”.
Vinte anos máis tarde, en 1983, José Cora, incorpórase como maxistrado na Audiencia Provincial de Ourense. En xullo dese mesmo ano foi designado presidente da Audiencia Territorial da Coruña, cargo que exerceu ata a instauración do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, como órgano que culmina a organización xudicial na Comunidade Autónoma.
O día 10 de maio de 1989 o Consello Xeral do Poder Xudicial nomea a José Cora Presidente do mencionado Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o día 23 de maio seguinte.
Foi pois, o primeiro presidente deste Tribunal de nova creación no ámbito da nosa Comunidade Autónoma. Durante o tempo que presidiu este superior órgano xudicial levou a cabo a importante tarefa que lle encomenda a Lei 38/1988, de 28 de decembro, de “Demarcación e Planta Xudicial”.
Xubilouse como maxistrado xuíz o día 2 de marzo de 1990, cumprida a idade regulamentaria (68 anos).
O día 30 de maio de 1990 o Pleno do Parlamento de Galicia o nomeou Valedor do Pobo, institución creada pola Lei 6/1984, de 5 de xuño, tomando posesión do seu cargo o día 8 de xuño dese mesmo ano.
Sería reelixido por unanimidade do Pleno do Parlamento de Galicia para desempeña-lo seu cargo de Valedor do Pobo por un período doutros cinco anos. A segunda toma de posesión tivo lugar o día 14 de novembro de 1995.
José Cora tivo a honra de se-lo primeiro titular desta nova institución, constitucional e estatutaria, que non tiña precedentes no noso ordenamento xurídico, ata a creación pola Constitución de 1978 da figura do Defensor del Pueblo.
Para levar a cabo esta nobre función de axuda ao cidadán fronte dos posibles abusos da Administración Pública, José Cora, tivo que dotar dunha sede a institución do Valedor do Pobo na compostelá Rúa do Hórreo 65, que foi inaugurada o día 14 de maio de 1993, e onde permanece o Alto Comisionado Parlamentario na actualidade.
Tras máis de once anos de traballo na institución deu relevo a D. Xosé Ramón Váquez Sandes como novo Valedor en febreiro do ano 2002.
O 28 de febreiro de 2008 faleceu na Coruña, a súa cidade de residencia.


